Thursday 25 de April de 2024

Xunta e a Autoridade Portuaria da Coruña analizan as posibilidades como dotacións culturais e turísticas dos Faros


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuniuse hoxe con representantes da Autoridade Portuaria para dar continuidade ás reunións mantidas nas últimas semanas con Puertos del Estado nesta liña
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuniuse hoxe con representantes da Autoridade Portuaria da Coruña para analizar as diferentes posibilidades que teñen os faros da súa competencia para acoller dotacións culturais e turísticas. A Xunta dá así continuidade ás reunións mantidas nas últimas semanas con Puertos del Estado para avanzar na posta en marcha dunha estratexia que permita poñer en valor os faros galegos que actualmente non contan cun uso habitacional.

No encontro abordouse a importancia de analizar os futuros usos dun xeito planificado e coordinado sobre cada un dos equipamentos avaliándoos en función das súas características máis singulares. Tamén se afondou na importancia desta iniciativa para reforzar o turismo mariñeiro na provincia da Coruña xerando produtos especializados recuperando un valioso patrimonio inmaterial e impulsando o desenvolvemento económico dos concellos da contorna dos faros.

Coa reunión de hoxe na Coruña, a Xunta comeza así unha rolda de contactos coas distintas autoridades portuarias galegas como así se comprometeu na última reunión mantida con Puertos del Estado para avanzar nesta estratexia común.

Esta folla de ruta, que se formula a longo prazo e que está chamada a ter un papel importante despois do Xacobeo 2021, permitirá xerar diferentes produtos turísticos e culturais especializados en diferentes emprazamentos costeiros da provincia, favorecendo un turismo de alta calidade. Ademais, aportará unha visión integral que terá en conta proxectos xa existentes como a Ruta dos Faros ou a Senda dos Faros e permitirá deseñar un itinerario de interese paisaxístico para fomentar o descubrimento do litoral da Coruña.

Avanzando desde outubro
A Xunta de Galicia e Puertos del Estado levan traballando nesta liña desde o pasado mes de outubro cando inicialmente acordaron en Madrid desenvolver xunto coas autoridades portuarias galegas unha estratexia que permita planificar dotacións culturais e turísticas nos faros que non contan cun uso habitacional.

O pasado mes de novembro Santiago de Compostela acolleu un encontro de traballo entre o Goberno galego, Puertos del Estado e representantes das Autoridades Portuarias galegas para avanzar nesta proposta onde se avanzaron medidas para facilitar a posta a disposición á sociedade destes equipamentos de interese patrimonial e paisaxístico dun xeito planificado, facilitando a xestión dos trámites administrativos en espazos tan sensibles como os faros. Neste sentido, explorouse a posibilidade de implantar sistemas que faciliten as xestións para os inversores ou promotores interesados.